Fago, logo aprendo

FOTOMETRIX

Análise fotométrica do contido de proteínas en líquidos biolóxicos grazas ao fotómetro móbil de XuvenLab

O kit Fotometrix de XuvenLab ten como obxectivo familiarizar o alumnado coa análise química e bioquímica utilizando unha ferramenta de amplo uso como é o fotómetro e aplicándoa á determinación analítica da proteína contida nun alimento. Fotometrix permite traballar a preparación de disolucións, a reacción de Lowry e aspectos relacionados co espectro da luz e a absorbancia. Contén un fotómetro e instrucións para elaborar unha recta de calibrado a partir de disolucións de concentración coñecida para determinar a concentración de proteína nunha mostra problema.

Con que alumnado se pode empregar?
  • Materia de Física e Química de Secundaria e Bacharelato.
  • Materia de Ciencias Xerais en Bacharelato.
  • Materia de Tecnoloxía de Secundaria.
  • Contidos transversais sobre educación alimentaria e saúde.
  • Ciclos de Formación Profesional das familias da química e a industria alimentaria.
  • Clubs de ciencias.
  • STEMBach.

 

XuvenLab oferta diferentes opcións para traballar cos experimentos de Fotometrix:

 

1. Fotómetro Edu

FotometrixEdu é un fotómetro de luz visible que permite facer medidas da absorción de luz de tres cores en mostras transparentes. Está orientado ao uso didáctico en prácticas de investigación. O fotómetro está baseado nun microcontrolador tipo Arduino e a impresión 3D, e foi deseñado e construído de maneira que permita a realización de medidas de absorbancia coa precisión adecuada para mostrar os fundamentos da fotometría.

 

 

 

 

2. Método de Lowry

O método de Lowry é unha técnica fotométrica para medir a concentración de proteínas nunha disolución ou nun extracto biolóxico. Baséase no emprego de dous reactivos e na formación dun complexo coloreado da proteína presente na mostra ao engadir os reactivos, sendo a intensidade de cor proporcional á concentración de proteínas segundo a Lei de Lambert-Beer. Pódense utilizar diversos alimentos, mellor líquidos, como leite, zumes ou clara de ovo.

Que leva o kit?
  • 10 tubos de mostras de 10 mL.
  • Soporte para tubos.
  • 5 bandexas para pesar.
  • Balanza de precisión 500 g/0.01 g.
  • 50 g de carbonato sódico anhidro.
  • 50 g de sodio hidróxido (NaOH), lentellas.
  • 10 g de cobre (II) sulfato anhidro, purísimo (sulfato cúprico).
  • 10 g de potasio sodio tartarato.
  • 35 g de leite en pó desnatado.
  • 100 mL de reactivo de Folin-Ciocalteu (diluído ao 50%).

 

3. A práctica investigadora na aula

XuvenLan propón unha versión simplificada de FotometrixEdu baixo o nome de A práctica investigadora na aula. Neste formato simúlanse as disolucións patrón e as disolucións problema utilizando un colorante azul de características similares ao producido na reacción de Lowry. Esta proposta simplificada ten a vantaxe de que permite separar a aprendizaxe das fases da metodoloxía científica do uso de reaccións químicas para a cuantificación de analitos.

Hipótese

O punto de partida é a observación de que, actualmente, véndense nos supermercados diversos tipos de leite e de bebidas vexetais. Xorde entón a pregunta de se teñen todas o mesmo valor nutricional… Por exemplo, conteñen todas a mesma cantidade de proteína?

  • O kit contén 10 tubos (10mL) de mostra coas disolucións patróns e coas disolucións problema.
  • Tamén temos á venda unhas mostras de maior tamaño, tubos de 45mL.

Testemuños

Empreguei o kit FOTOMETRIX nun grupo de 4º de ESO de Ciencias Aplicadas a Actividade Profesional. Utilizamos o kit de práctica investigadora para determinar o contido de proteína en leite e bebidas vexetais. A destacar, o interese por parte do alumnado, o seu traballo no laboratorio, o reparto de tareas e a calidade dos traballos elaborados. O meu obxectivo era a posta en práctica do método científico co uso dunha técnica experimental de laboratorio, así que, en xeral estou contenta co traballo que fixeron.

Carmen, Profesora de Física e Química en Secundaria

Empreguei diferentes kits tanto nas prácticas do primeiro curso coma no proxecto de investigación do segundo curso de Stembach. Estes kits facilitan o noso traballo e reducen o tempo de preparación das prácticas. Co kit FOTOMETRIX, realizamos un proxecto de cuantificación de proteínas en carne de polo.

Belén. Profesora de CM de Operacións de Laboratorio e CS de laboratorio de análise e control de calidade