Fago, logo aprendo

PHOTONICS EXPLORER

Experimentos con fibra óptica, láseres, lentes e LEDs sen necesidade de laboratorio

Photonics Explorer é un kit de aula con experimentos sobre a luz e a tecnoloxía da luz. Foi desenvolvido como parte dun proxecto europeo por un equipo internacional de profesorado e expertos en pedagoxía de 11 países da Unión Europea, co fin de adaptalo aos diversos sistemas e culturas educativas. A súa estrutura modular permite adaptar o material facilmente ás necesidades da situación educativa. Os módulos pódense utilizar independentemente e están deseñados cunha duración que vai de 1 a 4 leccións (de 45 minutos) dependendo do tema. Todos os experimentos pódense realizar sen necesidade dun laboratorio. Cada kit de aula do Photonics Explorer contén máis de 110 compoñentes para realizar 8 experimentos diferentes en 10 grupos pequenos de 2 a 3 estudantes.

Con que alumnado se pode empregar?
  • Física e Química da ESO e Bacharelato.
  • Tecnoloxía de Secundaria.
  • Ciencias Xerais de Bacharelato.
  • Ciclos de Formación Profesional das familias Electricidade e Electrónica, Imaxe e Son e Informática e Comunicacións.
  • Clubs de ciencias.
  • STEMBach.
Qué leva o kit?
  • 10 espellos de aluminio (7×7 cm).
  • 20 polarizadores (7×5 cm).
  • 10 conxuntos de filtros de cor (7×4 cm) (vermello, verde, azul, ciano, maxenta e amarelo).
  • 10 módulos LED con LED  vermellos, verdes e azuis.
  • 10 conxuntos de lentes de plástico con distancias focais de 30, -30 e 150 mm.
  • 10 láminas con fendas simples e dobres para experimentos de difracción óptica.
  • 10 redes de difracción.
  • 5 m de fibra óptica polimérica.
  • 10 láseres seguros para a vista.

 

Testemuños

O experimento de medir a lonxitude de onda láser e o diámetro dun cabelo mediante difracción resultou moi satisfactoria e interesante para os alumnos e para nós tamén. O kit de difracción de Photonics Explorer resulta moi versátil e axeitado para esta práctica proposta  polo grupo de traballo de Física para as ABAU.

Belén, Luis y José Manuel, docentes de Física en Bacharelato