Fago, logo aprendo

XuvenLab: Os kits de experimentación para aulas de Ensino Medio

O método científico apréndese facendo. Esta é a filosofía de XuvenLab, unha spin off da Universidade de Santiago de Compostela, que xorde a partir do grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo.

A importancia da experimentación na aprendizaxe das Ciencias é ben coñecida por todos, tendo esta beneficios evidentes na motivación do alumnado. Neste sentido, o Decreto 156/2022, que traspón a LOMLOE, pon énfase na necesidade de implementar situacións de aprendizaxe nas aulas, para o desenvolvemento das chamadas competencias clave, entre as que se atopa a competencia matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría (STEM). Esta competencia conleva a comprensión e explicación do entorno natural e social, utilizando un conxunto de coñecementos e metodoloxías, incluidas a observación e a experimentación, co fin de plantexar preguntas e extraer conclusións baseadas en probas.

O obxectivo de XuvenLab é poñer a disposición do profesorado de Ensino Medio kits de experimentación para implementar esta nova metodoloxía nas aulas. Os kits deseñados na universidade permiten por en práctica o método científico e traballar contidos relacionados coas materias de Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química de forma práctica. Os kits conteñen os materiais necesarios para levar a cabo os experimentos, así como guías de emprego para profesorado e alumnado. Mediante a súa utilización, é posible desenvolver proxectos de aprendizaxe multidisciplinares e converter ao alumnado en protagonista da súa aprendizaxe. Os kits son recursos ideais para as materias STEM en Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional; así como para o Bacharelato STEM ou os clubes de Ciencias dos centros educativos.

XuvenLab é unha iniciativa empresarial promovida por Ana Couso, bióloga e investigadora predoutoral na USC e Eva Cabanelas, doutora en Veterinaria e profesora de Ciencias. Se queres mais información, envianos un email a  info@xuvenlab.com

Categorías