Fago, logo aprendo

Sobre nós

Helga Peral Varela

Con XuvenLab conxugo a miña curiosidade científica, o meu carácter emprendedor e a miña vocación docente

Nacín no País Vasco, pero regresei de adolescente a Monterroso, a terra dos meus ancestros, onde rematei os estudos de ensino medio. Na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) gradueime en enxeñaría técnica forestal. Desenvolvín labores de técnico superior de apoio á investigación na Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da USC. Desde sempre acubillo un interese pola pedagoxía e polas propostas de innovación docente, o que me conduciu a cursar o máster de Educación Secundaria e tamén a xestionar empresas e entidades que levan adiante programación deportiva e de lecer para a infancia, así como a impartir clases particulares a estudantado de primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato. Con XuvenLab inicio unha nova etapa na miña vida na que aposto por conxugar a miña curiosidade como científica, o meu carácter emprendedor e a miña vocación de argallar proxectos que poñan no centro a aprendizaxe e a educación en valores da infancia e a adolescencia.

OS NOSOS ASESORES

Wajih Al- Soufi

Son graduado en Física e profesor e investigador do departamento de Química Física na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC. Estudo a fluorescencia de moléculas individuais en proxectos destinados a atallar o alzhéimer.

Ana Cabana Iglesia

Son historiadora, especializada en historia contemporánea de Galicia, historia ambiental e agraria e historia das mulleres labregas. Son profesora e investigadora da área de Historia Contemporánea nas facultades de Humanidades e Formación do Profesorado e na EPSE do Campus de Lugo da USC.

Eva Cabanelas Dopazo

Son veterinaria especialista en parasitos do gando vacún e tamén divulgadora e monologuista científica. Exerzo como profesora de Ciencias en ESO, Bacharelato e Formación Profesional.

Ana Couso Viana

Son bióloga e estudo a propagación de especies vexetais ameazadas. Traballo como técnico superior de apoio á investigación para o grupo de Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC.

Juan Luis Fernández Lorenzo

Son biólogo especializado no cultivo de árbores in vitro. Investigo e dou clase na área de Produción Vexetal da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, onde son o responsable do seu laboratorio de micropropagación.

Elena Freire Paz

Son antropóloga e investigo os procesos de patrimonialización ligados ás artesanías e á alimentación en Galicia. Son profesora da área de Antropoloxía Social da USC nas facultades de Humanidades, Ciencias e Formación do Profesorado do Campus de Lugo.

Marta López Alonso

Son veterinaria e profesora do departamento de Patoloxía Animal na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC. Formo parte do panel de expertos da Axencia Europea de Seguridade Alimentaria.

Mercedes Novo Rodríguez

Son química de formación e dou clases na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC, no departamento de Química Física. Unha das miñas áreas de investigación é a fluorescencia aplicada á detección precoz de doenzas como o alzhéimer.

Maribel Quiroga Berdeal

Son veterinaria. Dou clase na área de Medicina e Cirurxía Animal da Facultade de Veterinaria da USC. A miña principal liña de investigación estuda os peixes cebra como modelos experimentais en doenzas animais e humanas.

Montserrat Valcárcel Armesto

Son investigadora e profesora do departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC. A hidroloxía e o desenvolvemento rural en Galicia son dúas das temáticas nas que traballo.