Fago, logo aprendo

Testemuños

O experimento de medir a lonxitude de onda láser e o diámetro dun cabelo mediante difracción resultou moi satisfactoria e interesante para os alumnos e para nós tamén. O kit de difracción de Photonics Explorer resulta moi versátil e axeitado para esta práctica proposta  polo grupo de traballo de Física para as ABAU.

Belén, Luis y José Manuel, docentes de Física en Bacharelato

Reproducimos, nas condicións do noso centro educativo, os pasos necesarios para a clonación da especie Ilex x koehneana, dende a preparación dos medios de cultivo ata a aclimatación dos explantos obtidos. Logramos unhas condicións de asepsia aceptables para o establecemento in vitro das nosas mostras, aínda sen cámara de fluxo laminar, mediante o uso de chisqueiros de alcohol e sen observar sinais de contaminación tras 40 días en ningún dos 24 recipientes preparados. Ao mesmo tempo testamos a influencia de auxina (AIB) aplicada mediante dúas técnicas, na formación de raíces e posterior desenvolvemento das plantas, acadando 100% de aclimatación.

Alumnado de 4º de ESO no IES Xoán Montes de Lugo no curso 2022/2023

Un kit completo con todo o necesario para facer unha disección e para poder observar diferentes mostras de tecido animal ao microscopio. Contén unha tinción que nos deu moito xogo no instituto cos nosos alumnos de Anatomía Aplicada e o Clube de ciencias. O ANIMAL CSI presenta un kit con portaobxectos, cubreobxectos, tinción panóptico rápido, un estoxo de diseción, luvas e con supostos prácticos que nos proporcionaron no curso de Xuvenciencia, co que tivemos o necesario para facer moitas prácticas. Quedamos moi satisfeitas.

María, profesora de Bioloxía e Xeoloxía en Bacharelato

O kit AQUALAB está moi ben, vouno empregar para o ano co alumnado de 2º bach en Tecnoloxía e Enxeñería, porque este ano empezamos a programar con arduino. Como na materia de Tecnoloxía traballamos a programación, non vin claro que só tomaran medidas co sensor de humidade sen entender o programa.

Ana, profesora de Tecnoloxía en Secundaria e Bacharelato

Empreguei o kit FOTOMETRIX nun grupo de 4º de ESO de Ciencias Aplicadas a Actividade Profesional. Utilizamos o kit de práctica investigadora para determinar o contido de proteína en leite e bebidas vexetais. A destacar, o interese por parte do alumnado, o seu traballo no laboratorio, o reparto de tareas e a calidade dos traballos elaborados. O meu obxectivo era a posta en práctica do método científico co uso dunha técnica experimental de laboratorio, así que, en xeral estou contenta co traballo que fixeron.

Carmen, Profesora de Física e Química en Secundaria

Empreguei diferentes kits tanto nas prácticas do primeiro curso coma no proxecto de investigación do segundo curso de Stembach. Estes kits facilitan o noso traballo e reducen o tempo de preparación das prácticas. Co kit FOTOMETRIX, realizamos un proxecto de cuantificación de proteínas en carne de polo.

Belén. Profesora de CM de Operacións de Laboratorio e CS de laboratorio de análise e control de calidade